Descarga de Sleepy Hollow!

O prometido é débeda, e como non queremos quedar de mentireiros, velaquí está o primeiro "libro liberado" de Urco Editora: Sleepy Hollow e outros relatos, de Washington Irving.

Como xa comentamos en anteriores posts, agora mesmo non temos tempo a actualizar a nosa web, logo de momento o documento quedará colgado no blogue á espera de que fagamos unha sección de descargas decente na nosa páxina.

O libro vai en formato de texto plano e inclúe os cinco relatos da edición impresa mais a introdución. A licenza é a mesma que a da edición impresa: CC by-sa-nc.

En breve tamén iremos subindo os demais libros neste mesmo formato, e esperemos que tamén en breve nos poidamos pór co novo deseño da web para ter todo ben ordenado e no seu sitio.

Lembrámosvos a todos aqueles interesados nas nosas publicacións, que nos podedes atopar en case todas as librarías de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. E xa postos, se alguén quere prestar un grande apoio á nosa iniciativa, pode subscribirse ás nosas novidades, co que recibirá os libros na súa casa, cun 10% de desconto e sen gastos de envío adicionais.  Velaquí a ligazón para subscribirse:

http://www.urcoeditora.com/subscricion.php

Máis nada, que gocedes dos libros libres de Urco Editora

Descarga aquí Sleepy Hollow e outros relatos

Chuzame! chuzame -

Xa están aquí…

novo_envio.jpgHoxe toca facer paquetes, preparar envíos, imprimir facturas e notas de entrega etc. Onte chegaron os novos libros a iso das 20:30 da tarde e claro, comeza o reparto!

Hoxe prepararemos os paquetes para subscritores, que levarán un marcapáxinas e un urcocolante de regalo, como se pode (ou non) observar na foto. Tamén faremos a distribución en Compostela, co que mañá xa estarán Howard e Chambers nos escaparates da capital.

Os novos libros son Relatos de terror sobrenatural, de Robert E. Howard, que inclúe catro relatos de inspiración lovecraftiana, e mais O signo amarelo, de Robert W. Chambers, este en formato mini. Agardamos que sexan do gusto de todos.

Tamén aproveitamos para lembrarvos a todos (sobretodo aos subscritores) que, aínda que en principio as tres liñas editoriais están xa fechadas para este ano, sempre estamos abertos a estudar as propostas que nos mandedes. Queremos que Urco Editora sexa algo máis que unha empresa editorial típica, queremos convertela nunha comunidade.

Saúde e até lernos!

Chuzame! chuzame -

Fondo de escritorio “Windows? …Pista!”

O que fai o estrés, que aproveitamos calquer intre libre para facer o friki, pero claro, vai na nosa natureza.

windows_pista1024.pngVelaquí a última idea de Pablo para un fondo de escritorio "Windows? ...Pista!" Esperamos que vos guste. Témolo en versión 1024x768 e en 1280x80. Por suposto, está deseñado usando Inkscape e baixo Ubuntu 7.04, claro.

Descarga a versión 1024x768

Descarga a versión 1280x800

Chuzame! chuzame -

Urcocolantes. Proximamente no teu PC ou na túa casa

pegatas.pngOs últimos días estivemos facendo algo de traballo gráfico para merchandising e naceron os Urcocolantes, que enviaremos aos nosos subscritores como agasallo nos seguintes envíos. Tamén os poremos ao dispor de todo o mundo para que os descargue quen queira, pero con calma, que estamos até arriba de choio. A idea era facer algo divertido e un pouco gamberro, xogando cos deseños das nosas liñas editoriais e coa idea do software libre. E isto foi o que saíu, esperemos que sexan do voso agrado.

Temos que agradecer a Factoría de Tux os seus magníficos deseños do pingüín máis famoso do mundo. En total temos 56 deseños organizados en 4 categorías, así que temos abondo para amolar aos nosos subscritores durante unha boa tempada. Ah, e en breve tamén virán os marcapáxinas.

Chuzame! chuzame -

Be Linux

Chuzame! chuzame -

No prelo

Neste momento estarán imprimíndose os seguintes títulos de Urco Editora, aló por Villa y Corte, xa que de momento no noso país non achamos ninguén que nos iguale o prezo dos nosos impresores.

Continuamos o formato mediano con Relatos de Terror Sobrenatural, de Robert E. Howard, unha escolma de catro contos do creador de Conan o Cimmerio dedicados aos horrores lovecraftianos. Inclúense os relatos "A pedra negra", "Os fillos da noite", "Os vermes da terra" e "O lume de Asshurbanipal". A tradución é de Pablo Amado, responsábel de planificación editorial de Urco Editora, que agora está metido até o pescozo na tradución de O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde, que sairá no mes de Xuño.chamberspq.jpg

No minilibro deste mes deixamos de lado momentaneamente a Conan para meternos con Robert W. Chambers e o seu relato "O signo amarelo", pertencente á colección The King in Yellow. Este mes Pablo traballou a cachón, xa que esta tradución tamén é del.

En cuestión de unha semana esperemos telos en Compostela para comezar a distribuílos entre os nosos subscritores e ás librarías

Temos que facer un especial agradecemento a todas as persoas que fan posíbel que saian os libros de Urco Editora, especialmente aos nosos estupendos correctores: Martín Luna, Cristina González e Rodrigo Vizcaíno. Grazas por todo rapaces!

Chuzame! chuzame -

Robert E. Howard e o terror sobrenatural

O vindeiro luns entrará en imprenta o próximo título de Urco Editora: Relatos de terror sobrenatural, de Robert Erwin Howard. Se ben Howard é bastante coñecido por ser o pai de Conan, o bárbaro cimmerio levado posteriormente á banda deseñada e tamén ao cinema, non son demasiados os que coñecen a extensión da súa obra de xénero de terror sobrenatural.

Como colega e discípulo de H.P. Lovecraft, Howard trata os temas dos horrores primixenios, a memoria racial, os cultos perdidos e os deuses primordiais. Destaca como narrador áxil e efectivo, e con intereses especiais na historia e na etnoloxía.

Coa nosa próxima publicación agardamos dar a coñecer a un autor clave na literatura pulp, que contribuíu dun xeito moi especial ao desenvolvemento dos xéneros da fantasía heroica, a ciencia ficción e o terror modernos.

Chuzame! chuzame -

Apoio a Rinoceronte Editora

Desde Urco Editora queremos amosar o noso apoio a Moisés Barcia e Rinoceronte Editora, ante a actitude amosada por María Reimóndez a propósito do libro de Rinoceronte O curioso incidente do can á media noite.

Independentemente das conviccións que poida ter un tradutor ou tradutora consideramos inadmisible que utilice o desempeño da súa profesión para alterar unha obra, cambiando arbitrariamente o sexo dos personaxes, e resúltanos incomprensible a teimosía e obstinación de Reimóndez toda vez que o autor xa se manifestou ao respecto, avalando a postura da editorial. O autor é o único responsable da súa obra, e o tradutor, por máis que sexa reescritor dela, debe someterse sempre ás súas indicacións. A actitude da tradutora é absurda e un desprestixio para a profesión.

Queremos pór de manifesto tamén que, despois de un longo trato con Moisés, como amigos e mesmo empregados nalgunhas ocasións, podemos dicir que a súa editora é das poucas que trata con toda a dignidade que se merecen aos seus colaboradores. O seu labor en prol da literatura traducida no noso sistema literario é encomiábel, e o apoio máis salientábel para acometer o proxecto de Urco Editora.

Ánimo Moisés, tes todo o noso apoio.

Chuzame! chuzame -

Estreamos blogue

Urco Editora estrea blogue na blogaliza! Nel pretendemos ir informando periodicamente das nosas novas publicacións e das novas relacionadas co mundo da edición en galego, o mundo da fantasía, a ciencia ficción e o terror, e do software libre.

Mil grazas a Goretoxo pola axuda!

Chuzame! chuzame -