Xa están aquí…
Hoxe toca facer paquetes, preparar envíos, imprimir facturas e notas de entrega etc. Onte chegaron os novos libros a iso das 20:30 da tarde e claro, comeza o reparto!
Hoxe prepararemos os paquetes para subscritores, que levarán un marcapáxinas e un urcocolante de regalo, como se pode (ou non) observar na foto. Tamén faremos a distribución en Compostela, co que mañá xa estarán Howard e Chambers nos escaparates da capital.
Os novos libros son Relatos de terror sobrenatural, de Robert E. Howard, que inclúe catro relatos de inspiración lovecraftiana, e mais O signo amarelo, de Robert W. Chambers, este en formato mini. Agardamos que sexan do gusto de todos.
Tamén aproveitamos para lembrarvos a todos (sobretodo aos subscritores) que, aínda que en principio as tres liñas editoriais están xa fechadas para este ano, sempre estamos abertos a estudar as propostas que nos mandedes. Queremos que Urco Editora sexa algo máis que unha empresa editorial típica, queremos convertela nunha comunidade.
Saúde e até lernos!
chuzame -
Filed under: Novos libros por urcoeditora


De primeiro, alégrome e felicítovos pola vosa iniciativa. Penso sinceramente que un dos máis importantes, senón o que máis, instrumentos para a defensa do libro galego -e, asemade, da nosa lingua- échevos a tradución: evitar que ninguén poida dicir que non le en galego porque o editado no noso idioma non lle interesa en absoluto.
De porparte, como afeccionado aos xéneros en que vos movedes, pido a Crom na súa montaña que a vosa andaina chegue moi lonxe :).
E, de resto, xa que amabelmente abrides a posibilidade de vos suxerir autores e/ou obras, mencionar a Stanislaw Lem ou, noutro terreo, M. R. James.
Saúdos e moita sorte.
Grazas polo comentario, e tamén pido a Crom na súa montaña que nos escoite, e se non o fai que vaia ao inferno.
Lem de momento non o plantexamos por dous motivos de planificación editorial: o primeiro é que de momento só estamos editando textos libres de dereitos, o segundo é que de momento non estamos contratando tradutores, todo o traballo de tradución facémolo os tres socios da editora, e claro, finés aínda podía ser, pero polaco… como que non XD
M R James é outro conto, de feito está entre a lista de “futuríbeis”, aínda que non ten neste momento un mes de publicación asignado, si que faremos algo del, sexa en formato antoloxía ou ben en forma de minilibros.
Grazas polos ánimos!
Grazas a vos por me responderdes.
Comprendo o problema dos dereitos e mais o do polaco. Échevos unha mágoa porque o Lem, cando menos para min, é unha referencia imprescindíbel na ficción científica.
Por outra banda, dádesme unha alegría por terdes a M.R. James de “futuríbel”. A literatura anglosaxónica do “praeternatural” -como diría Lovecraft :)- do século XIX e comezos do XX échevos unha miña debilidade. Por tanto, vou abusar e suxerir a Algernoon Blackwood. Pensade no Wendigo, nos Salgueiros (”The Willows”) ou en John Silence.
Saúdos e, de novo, moita sorte.
Tiñamos decidido sacar no segundo semestre un volume de Blackwood titulado “Dous relatos da natureza terrorífica” ou algo polo estilo (o título aínda necesitaba un pulido), que contivese Os salgueiros e o Wendigo. O problema é que morreu en 1951, o que significa que os seus dereitos non caducan até 2021, ao ser un autor europeo. Se fose americano, aló todo o escrito antes de 1921 está libre de dereitos, morra cando morra o autor, mais en europa non é así. Foi o mesmo problema de dereitos que tivemos con Wells, cunha novela a medio traducir, démosnos conta do tema dos dereitos e tivemos que deixala. De todos os xeitos supoño que para o ano que ven xa nos poremos a tratar con axentes e demais calaña para mercar os dereitos de tradución dalgúns autores. Wells e Blackwood serán dos primeiros (despois de Terry Pratchett, por suposto, co que xa iniciamos contacto para traducir un conto para o galego). Pero bon, Blackwood caerá tarde ou cedo, de feito non sei se coñecerás a recompilación de relatos chamada “Os mitos de Cthulhu”, de Alianza; pois de aí están caendo todos un a un
Saúde e grazas por lernos!
Vaia, Pratchett ? Iso sería un bombazo… Sen dúbida unhas das estrelas da editora…
Coido que Terry Pratchett é unha aposta segura…. (mais ollo xq tods sabems cal é o ouro de Pratchett, sen menospreciar o demais).
Por certo, se vos poñedes con el… moito ollo, q ten moitas grazas e chistes escudados no idioma e en referentes “frikis” e nas traducións a castelán van tomar x onde xa sabedes.
Sen dúbida, boas traducións de Pratchett a galego serían un evento no panorama editorial galego.
A ver se conseguimos os dereitos de algo de Pratchett, aínda que pode que sexa difícil. Polo menos intentarémolo.
E claro, máis difícil aínda é a tradución, pero bueno, intentarase polo menos, a ver se a cousa vai adiante.
Saúde!