Actualización do blogue

Finalmente decidimos cargarnos a páxina web estática e quedarnos só co blogue, engadíndolle a información adicional que daba a susodita páxina estática. Agora mesmo xa habilitamos a sección de contacto, puntos de venda e títulos. Queda por facer a sección de subscrición e cambiar as DNS do dominio urcoeditora.com para que apunten aquí, cousa que faremos en breve. De momento, ao entrar en urcoeditora.com xa se redirecciona automaticamente ao blogue.

Esperamos ter en breve unha páxina normal e non andar con dúas medias páxinas :)

Grazas por aturar as molestias!

Chuzame! chuzame -

Apadriña unha editora: Subscríbete a Urco

Como saberedes (ou non), un dos peares máis importantes grazas aos que pode funcionar Urco é ese grupo de persoas amábeis que decidiron subscribirse ás novidades da editora.

Que como é iso de subscribirse?

Pois é ben sinxelo. Cubres un formulario cos teus datos e inmediatamente pasas a formar parte dese exclusivo clube que forman os subscritores. A subscrición consiste en que recibes todas as nosas novidades comodamente no teu domicilio, gastos de envío pagos, e cun 10% de desconto sobre o PVP, que se che cargan na túa conta bancaria. Alén da comodidade que supón recibir os libros na casa e do desconto, tamén recibirás agasallos, tales como urcolantes, marcapáxinas e demais historias que se nos vaian ocorrendo.

Por que é importante para nós ter subscritores?

O feito de termos un grupo de persoas comprometidas a mercar mes a mes os nosos libros supón para nós un pequeno nivel de ingresos fixos, independientemente das vendas en librarías, que nos permite continuar co noso traballo editorial sen demasiados afogos, especialmente tendo en conta que neste momento polo menos a nosa editora non conta con ningunha clase de subvención, co que estamos a depender unica e exclusivamente das vendas.

Se estás interesado no noso traballo e desexas adqurir un compromiso firme co proxecto de Urco editora, animámoste a que te subscribas para axudar así a manter a bibliodiversidade do país.

Podes cubrir o formulario de subscrición nesta páxina:

http://www.urcoeditora.com/subscricion.php

Se tes algunha dúbida sobre a subscrición podes consultarnos en info (arroba) urcoeditora.com, e estaremos encantados de atenderte.tux_vader.png

Únete a nós e xuntos dominaremos a Galaxia!

Chuzame! chuzame -

Planilandia está aqui!

O venres pasado foi día de tolos. Erguernos a primeirísima hora para ir distribuír Lugo. Resulta que no prelo se retrasara un pouco Planilandia e non daba chegado a Compostela, así que dixemos que mandasen os paquetes directamente á mensaxería de Lugo para facer a distribución aló aproveitando a feira do libro.

E ben, chegamos, distribuímos baixo a chuva, comemos e voltamos para Compostela a todo gas porque había máis compromisos. Un servidor tiña que ir correndo ao Centro Sociocultural de Fontiñas a participar nunha pequena exibición de esgrima antiga (si, o frikismo en Urco é de verdade, non de postureo). Despois da exibición tiña que vir Pablo para facer entre os dous unha pequena presentación da editora no propio centro sociocultural.

Vamos, que merecemos un premio. Volvendo a Planilandia, está distribuído en Lugo, como xa contei, e mais Ferrol,  e ao longo desta semana contamos con que chegue ao resto de cidades (Compostela irá hoxe se deixa de chover).

Velaqui unha foto do libro. Non ten moi boa calidade, pero é que até que nos fagamos coa Urcocam é o que hai.

planilandia.JPG

Chuzame! chuzame -

O Corvo I

Unha media noite estraña, mentres triste eu meditaba,
sobre curiosos volumes de saberes ancestrais,
a piques de estar durmido, sentín de súpeto un ruído,
de algún petar fuxidío, suave sobre o meu portal
—Unha visita —supuxen— que peta no meu portal
é só isto, nada máis.

 _________________

Once upon a midnight dreary, while I pondered, weak and weary,
Over many a quaint and curious volume of forgotten lore —
While I nodded, nearly napping, suddenly there came a tapping,
As of some one gently rapping, rapping at my chamber door.
"'Tis some visiter," I muttered, "tapping at my chamber door —
Only this and nothing more."

 i003.jpg

Chuzame! chuzame -

Urco na TVG (Miraxes, 17 de Maio)

Velaquí está o vídeo dos urcoeditores na TVG. A verdade é que o traballo dos rapaces de Miraxes foi impecábel, só polo feito de comezar a reportaxe con imaxes de O Corvo de Roger Corman merecen un aplauso. Temos que agradecerlles tamén o trato que tiveron connosco e o feito de facilitárennos unha copia en DVD do programa.

Grazas!

Chuzame! chuzame -

O novo minilibro está aqui!

Velaquí o minilibro que sairá este mes xunto con Planilandia, trátase do relato de Washington Irving "A lenda da rosa da Alhambra", do seu libro Contos da Alhambra. Como sempre, miniprezo de 2,50 €, a partir da semana que ven (esperemos) nas mellores librarías.

rosa_alhambra.JPG

Chuzame! chuzame -

Ragnarok: a apocalipse segundo os viquingos

Onte quedou definitivamente decidido o seguinte "especial" de Urco. Enténdase por especial algo como o noso primeiro título: O corvo, un libro que se sae da liña tanto en formato como en xénero. O seguinte sairá cara a finais de verán, supoñemos, e será o colmo do friquismo, unha tradución da Völuspá, o primeiro canto do Edda Maior, na que se relata o nacemento do mundo e mais o Ragnarok, a apocalipse.  O Edda Maior, para que non o saiba, é unha recompilación de poesía épica escrita en antigo islandés de entre os séculos IX e XIII.

A nosa tradución da Völuspá correrá a cargo de Elías Portela, coñecido xa polo seu traballo de tradución do islandés para Rinoceronte Editora. Irá ilustrada asemade coas imaxes en cor dos folios orixinais do Codex Regius, a fonte máis antiga do texto, datado a finais do século XIII.

Sobre o texto hai pouco que dicir, é bastante escuro e complexo, está cheo de imaxes tétricas e brutais (como non podía ser doutro xeito nun texto apocalíptico nórdico medieval). Na Wikipedia hai un artigo bastante interesante con un par de ligazóns a traducións inglesas.

O motivo polo que nos metemos a editar unha cousa tan rara ten a súa lóxica. Decidimos comezar a editar "os comezos" da fantasía, o terror e a ficción científica. Aínda que esteamos a dar un salto de seis ou sete séculos con respecto ao que adoitamos publicar, a Völuspá e toda a poesía épica nórdica está nas orixes máis fondas da fantasía moderna, e pensamos en que é un texto digno de estar publicado na nosa lingua.

Friquis nós?

Si, e a moita honra

Chuzame! chuzame -

Os libreiros

Esta entrada vai dedicada a esa xente que fai posíbel que os nosos libros se vendan, que se vexan, a todos os que acolleron a nosa iniciativa con palabras de ánimo. Esta entrada vai dedicada aos libreiros, que non vendedores de libros, esa xente esquecida en moitas ocasións.

A nosa mala experiencia coa distribución do noso primeiro título fíxonos tomar a decisión de non contratar intermediarios para facer chegar os nosos libros ás librarías. Foi un paso arriscado, supuxo asumir o duplo de traballo e aumentar os custos, foi unha proba, un experimento, mais saíu ben. Percorremos a xeografía galega montados no noso Urcomóbil; andamos polas cidades cargados cunha maleta chea de libros, costa arriba e costa abaixo (isto sobretodo en Vigo, que rebenta a un); despois de cada xornada voltamos a Compostela feitos un farrapo e sen forzas para nada. Mais PAGA A PENA. Grazas ás nosas viaxes e visitas coñecemos a esa xente, os libreiros (que non vendedores de libros).

Resulta cando menos curioso que cando se fala e se discute sobre a edición na Galiza, cando se polemiza sobre o mundo editorial, semella que só existimos os editores, a administración, os lectores e os autores. O emprego de intermediarios para facer chegar os libros ao público fai que nos esquezamos do que é máis importante neste sector: vender libros. Cando distribúes a través de terceiros o único contacto que tes con todo o proceso de venda son os informes, os cheques, as devolucións e os pedidos. Cando traballas con terceiros aforras diñeiro e tempo, mais tamén perdes, perdes moito máis do que podes crer.

Non foron un nin dous, senon moitísimos os libreiros que nos dixeron que se os nosos libros chegasen nun paquete de novidades dunha distribuidora calquera o máis probábel é que os mandasen de volta. Eses mesmos libreiros agora teñen os libros de Urco nos seus escaparates. E é que o libreiro é quen ten a última palabra sobre o teu traballo, é amo e señor do seu universo-libraría e aló fai, desfai e ordena. É el o que ten a potestade de mandar os teus libros a unha estantería, para devolverchos tres meses máis tarde, ou pola contra pode facer porque a xente os vexa e os leve.

Somos conscientes de que a nosa iniciativa naceu nun momento un tanto crítico para o libro galego, mais tamén somos conscientes de que as cousas cambian, pois así é a súa natureza. Damos grazas ao Destino ou á Casualidade por ese erro humano que fixo que rompesemos o contrato co noso antigo distribuidor, porque se o pensas ben, quen vai facer máis por ti que ti mesmo? Viaxar cargado de libros cansa, custa e desgasta, mais a acollida que nos dan os libreiros (que non vendedores de libros) fai que todo o esforzo pague a pena.

Chuzame! chuzame -

Planilandia

Clásico entre os clásicos, Planilandia de Edwin A. Abbott está no Olimpo das obras pioneiras da sci-fi moderna. Mais non conta unha historia sobre viaxes a outros planetas, invasións alieníxenas nin máquinas do tempo; trátase da historia dun Cadrado, si, un Cadrado que vive en Planilandia e que ten a fortuna (ou desgraza) de coñecer o mundo das tres dimensións (o noso mundo).

Aínda que en principio poida semellar un simple libro de divulgación matemática (iso é en parte, non hai que negalo), Abbott dá un paso máis alá, convertendo a historia deste peculiar Cadrado nunha crítica aos valores morais, sociais e relixiosos da Inglaterra victoriana na que el viviu.

Cando? Hoxe mesmo, se Crom o permite, irá ao prelo en forma de pdf, volverá en forma de caixas de libros no prazo que os nosos queridos impresores consideren oportuno e despois tardará entre unha e dúas semanas en estar nas librarías.

Ah, esquecíame dicir que o libro trae unhas cantas ilustracións explicativas do autor. Velaquí unha pequena mostra; esta está en inglés, aínda que no libro irán en galego, como non:

casa.jpg

Chuzame! chuzame -