Os libreiros

Esta entrada vai dedicada a esa xente que fai posíbel que os nosos libros se vendan, que se vexan, a todos os que acolleron a nosa iniciativa con palabras de ánimo. Esta entrada vai dedicada aos libreiros, que non vendedores de libros, esa xente esquecida en moitas ocasións.

A nosa mala experiencia coa distribución do noso primeiro título fíxonos tomar a decisión de non contratar intermediarios para facer chegar os nosos libros ás librarías. Foi un paso arriscado, supuxo asumir o duplo de traballo e aumentar os custos, foi unha proba, un experimento, mais saíu ben. Percorremos a xeografía galega montados no noso Urcomóbil; andamos polas cidades cargados cunha maleta chea de libros, costa arriba e costa abaixo (isto sobretodo en Vigo, que rebenta a un); despois de cada xornada voltamos a Compostela feitos un farrapo e sen forzas para nada. Mais PAGA A PENA. Grazas ás nosas viaxes e visitas coñecemos a esa xente, os libreiros (que non vendedores de libros).

Resulta cando menos curioso que cando se fala e se discute sobre a edición na Galiza, cando se polemiza sobre o mundo editorial, semella que só existimos os editores, a administración, os lectores e os autores. O emprego de intermediarios para facer chegar os libros ao público fai que nos esquezamos do que é máis importante neste sector: vender libros. Cando distribúes a través de terceiros o único contacto que tes con todo o proceso de venda son os informes, os cheques, as devolucións e os pedidos. Cando traballas con terceiros aforras diñeiro e tempo, mais tamén perdes, perdes moito máis do que podes crer.

Non foron un nin dous, senon moitísimos os libreiros que nos dixeron que se os nosos libros chegasen nun paquete de novidades dunha distribuidora calquera o máis probábel é que os mandasen de volta. Eses mesmos libreiros agora teñen os libros de Urco nos seus escaparates. E é que o libreiro é quen ten a última palabra sobre o teu traballo, é amo e señor do seu universo-libraría e aló fai, desfai e ordena. É el o que ten a potestade de mandar os teus libros a unha estantería, para devolverchos tres meses máis tarde, ou pola contra pode facer porque a xente os vexa e os leve.

Somos conscientes de que a nosa iniciativa naceu nun momento un tanto crítico para o libro galego, mais tamén somos conscientes de que as cousas cambian, pois así é a súa natureza. Damos grazas ao Destino ou á Casualidade por ese erro humano que fixo que rompesemos o contrato co noso antigo distribuidor, porque se o pensas ben, quen vai facer máis por ti que ti mesmo? Viaxar cargado de libros cansa, custa e desgasta, mais a acollida que nos dan os libreiros (que non vendedores de libros) fai que todo o esforzo pague a pena.

Chuzame! chuzame -

4 Responses to “Os libreiros”

  1. Ollo, coido que fai falla un botón nalgunha parte para voltar ao inicio do blogue. Non vexo tal opción por ningunha parte e é un pouco “coñazo” :P

  2. Pois si, foi unha ida de olla de cando modificamos o estilo visual. Xa está arranxado.
    Grazas polo comentario!

  3. De nada, home!

  4. Moi boa a vosa iniciativa. Ánimo coa distribución e sorte. Eu agardo impaciente a estrea da colección de ciencia-ficción.
    Un saúdo.

Leave a Reply

*
To prove you're a person (not a spam script), type the security word shown in the picture.
Anti-Spam Image