Proximamente: O retrato de Dorian Gray

Despois dun retraso motivado por cuestións varias, entre elas a inminente apertura da nosa nova oficina, esperamos ter a seguinte novidade no prazo dun mes. Trátase da ben coñecida novela de Oscar Wilde O retrato de Dorian Gray, coa que estrearemos o novo formato de 230x153mm, para libros que superen certa extensión. De feito, se bulimos co proceso de edición (a tradución xa está feita), contamos con ter o libro no Festigal, onde compartiremos posto con Rinoceronte Editora.

Velaquí queda o cartel promocional que levaremos, xunto co libro, aos nosos puntos de venda.

cartaz_doriangray.jpg

Chuzame! chuzame -

Misión cumprida!

Despois de dúas semanas de duro choio por fin podemos dicir: misión cumprida! Queda fechada a distribución das novidades en todos os nosos puntos de venda. Mais temos que expresar o noso máis sincero agradecemento a dous compañeiros indispensábeis: O primeiro deles, o Urcomóbil, que aínda que un tanto mentirán (en Vigo dicía que tiña combustíbel até que nos deixou tirados na rúa de Venezuela) é un marabilloso compañeiro de fatigas. O segundo dos nosos amigos fieis é o que hoxe vimos de bautizar como "espabiloso", unha PDA que nos serve como navigador GPS (cando non lle dá por mandarnos atravesar un edificio da Coruña ou cousas similares) e como sistema para levar ao día entregas, liquidacións, albaráns etc.

Até dentro dun mes Urco non volverá saír ás estradas galegas, mais continuaremos como sempre, ao pé do canón!

urcomobil.jpg

Velaquí unha imaxe do Urcomóbil, e semella limpo e todo! :)

Chuzame! chuzame -

Urco Editora no CSC Fontiñas

Hai un par de semanas dixéronnos que se nos interesaba dar unha pequena chapa no Centro Sociocultural de Fontiñas, co gallo dunhas xornadas de rol e estratexia. Nós dixemos que si, claro, e aló fomos. O problema é que o Tomás xa tiña outro compromiso con eles para facer unha pequena exhibición de esgrima antiga en nome da asociación Casco Vello. E claro, alén disto viñamos de distribuír Lugo, feitos un asco, e velaquí o resultado:

Nesta primeira foto pódese ver ao friki de Tomás (esquerda) combatindo contra Efrén, de Casco Vello (dereita) con espada rapieira. Nesta momento xa estaban tirando a pelo, sen máis proteccións que a carauta, xa que quedaron abafados de usar o gambesón poucos minutos antes:

imag0298.JPG

Velaquí dúas panorámicas xerais do evento en cuestión. Tomás e Pablo dando a chapa na mesa do fondo mentres que un grupo de inocentes aturan tal suplicio.

p1010031.JPG

p1010032.JPG

E agora, finalmente, a foto do horror. Desde lonxe non se vía ben, pero de preto pódese distinguir con todo luxo de detalles o lamentábel aspecto dos ponentes. Comecemos por Tomás (esquerda): suado, feito un asco, cos ollos medio fechados e esbardallando sobre a saber que.  Nese momento Pablo (dereita) aproveita que Tomás está dando a chapa para facer que atende mentres bota unha soneca reparadora, pensando en que aínda lle agarda conducir até Ferrol para asistir a unha voda.

p1010033.JPG

En fin, Urco Editora sempre dando boa imaxe aló onde vai!

Chuzame! chuzame -