Misión cumprida!

Despois de dúas semanas de duro choio por fin podemos dicir: misión cumprida! Queda fechada a distribución das novidades en todos os nosos puntos de venda. Mais temos que expresar o noso máis sincero agradecemento a dous compañeiros indispensábeis: O primeiro deles, o Urcomóbil, que aínda que un tanto mentirán (en Vigo dicía que tiña combustíbel até que nos deixou tirados na rúa de Venezuela) é un marabilloso compañeiro de fatigas. O segundo dos nosos amigos fieis é o que hoxe vimos de bautizar como "espabiloso", unha PDA que nos serve como navigador GPS (cando non lle dá por mandarnos atravesar un edificio da Coruña ou cousas similares) e como sistema para levar ao día entregas, liquidacións, albaráns etc.

Até dentro dun mes Urco non volverá saír ás estradas galegas, mais continuaremos como sempre, ao pé do canón!

urcomobil.jpg

Velaquí unha imaxe do Urcomóbil, e semella limpo e todo! :)

Chuzame! chuzame -

Urco Editora no CSC Fontiñas

Hai un par de semanas dixéronnos que se nos interesaba dar unha pequena chapa no Centro Sociocultural de Fontiñas, co gallo dunhas xornadas de rol e estratexia. Nós dixemos que si, claro, e aló fomos. O problema é que o Tomás xa tiña outro compromiso con eles para facer unha pequena exhibición de esgrima antiga en nome da asociación Casco Vello. E claro, alén disto viñamos de distribuír Lugo, feitos un asco, e velaquí o resultado:

Nesta primeira foto pódese ver ao friki de Tomás (esquerda) combatindo contra Efrén, de Casco Vello (dereita) con espada rapieira. Nesta momento xa estaban tirando a pelo, sen máis proteccións que a carauta, xa que quedaron abafados de usar o gambesón poucos minutos antes:

imag0298.JPG

Velaquí dúas panorámicas xerais do evento en cuestión. Tomás e Pablo dando a chapa na mesa do fondo mentres que un grupo de inocentes aturan tal suplicio.

p1010031.JPG

p1010032.JPG

E agora, finalmente, a foto do horror. Desde lonxe non se vía ben, pero de preto pódese distinguir con todo luxo de detalles o lamentábel aspecto dos ponentes. Comecemos por Tomás (esquerda): suado, feito un asco, cos ollos medio fechados e esbardallando sobre a saber que.  Nese momento Pablo (dereita) aproveita que Tomás está dando a chapa para facer que atende mentres bota unha soneca reparadora, pensando en que aínda lle agarda conducir até Ferrol para asistir a unha voda.

p1010033.JPG

En fin, Urco Editora sempre dando boa imaxe aló onde vai!

Chuzame! chuzame -

Apadriña unha editora: Subscríbete a Urco

Como saberedes (ou non), un dos peares máis importantes grazas aos que pode funcionar Urco é ese grupo de persoas amábeis que decidiron subscribirse ás novidades da editora.

Que como é iso de subscribirse?

Pois é ben sinxelo. Cubres un formulario cos teus datos e inmediatamente pasas a formar parte dese exclusivo clube que forman os subscritores. A subscrición consiste en que recibes todas as nosas novidades comodamente no teu domicilio, gastos de envío pagos, e cun 10% de desconto sobre o PVP, que se che cargan na túa conta bancaria. Alén da comodidade que supón recibir os libros na casa e do desconto, tamén recibirás agasallos, tales como urcolantes, marcapáxinas e demais historias que se nos vaian ocorrendo.

Por que é importante para nós ter subscritores?

O feito de termos un grupo de persoas comprometidas a mercar mes a mes os nosos libros supón para nós un pequeno nivel de ingresos fixos, independientemente das vendas en librarías, que nos permite continuar co noso traballo editorial sen demasiados afogos, especialmente tendo en conta que neste momento polo menos a nosa editora non conta con ningunha clase de subvención, co que estamos a depender unica e exclusivamente das vendas.

Se estás interesado no noso traballo e desexas adqurir un compromiso firme co proxecto de Urco editora, animámoste a que te subscribas para axudar así a manter a bibliodiversidade do país.

Podes cubrir o formulario de subscrición nesta páxina:

http://www.urcoeditora.com/subscricion.php

Se tes algunha dúbida sobre a subscrición podes consultarnos en info (arroba) urcoeditora.com, e estaremos encantados de atenderte.tux_vader.png

Únete a nós e xuntos dominaremos a Galaxia!

Chuzame! chuzame -

Urco na TVG (Miraxes, 17 de Maio)

Velaquí está o vídeo dos urcoeditores na TVG. A verdade é que o traballo dos rapaces de Miraxes foi impecábel, só polo feito de comezar a reportaxe con imaxes de O Corvo de Roger Corman merecen un aplauso. Temos que agradecerlles tamén o trato que tiveron connosco e o feito de facilitárennos unha copia en DVD do programa.

Grazas!

Chuzame! chuzame -

Os libreiros

Esta entrada vai dedicada a esa xente que fai posíbel que os nosos libros se vendan, que se vexan, a todos os que acolleron a nosa iniciativa con palabras de ánimo. Esta entrada vai dedicada aos libreiros, que non vendedores de libros, esa xente esquecida en moitas ocasións.

A nosa mala experiencia coa distribución do noso primeiro título fíxonos tomar a decisión de non contratar intermediarios para facer chegar os nosos libros ás librarías. Foi un paso arriscado, supuxo asumir o duplo de traballo e aumentar os custos, foi unha proba, un experimento, mais saíu ben. Percorremos a xeografía galega montados no noso Urcomóbil; andamos polas cidades cargados cunha maleta chea de libros, costa arriba e costa abaixo (isto sobretodo en Vigo, que rebenta a un); despois de cada xornada voltamos a Compostela feitos un farrapo e sen forzas para nada. Mais PAGA A PENA. Grazas ás nosas viaxes e visitas coñecemos a esa xente, os libreiros (que non vendedores de libros).

Resulta cando menos curioso que cando se fala e se discute sobre a edición na Galiza, cando se polemiza sobre o mundo editorial, semella que só existimos os editores, a administración, os lectores e os autores. O emprego de intermediarios para facer chegar os libros ao público fai que nos esquezamos do que é máis importante neste sector: vender libros. Cando distribúes a través de terceiros o único contacto que tes con todo o proceso de venda son os informes, os cheques, as devolucións e os pedidos. Cando traballas con terceiros aforras diñeiro e tempo, mais tamén perdes, perdes moito máis do que podes crer.

Non foron un nin dous, senon moitísimos os libreiros que nos dixeron que se os nosos libros chegasen nun paquete de novidades dunha distribuidora calquera o máis probábel é que os mandasen de volta. Eses mesmos libreiros agora teñen os libros de Urco nos seus escaparates. E é que o libreiro é quen ten a última palabra sobre o teu traballo, é amo e señor do seu universo-libraría e aló fai, desfai e ordena. É el o que ten a potestade de mandar os teus libros a unha estantería, para devolverchos tres meses máis tarde, ou pola contra pode facer porque a xente os vexa e os leve.

Somos conscientes de que a nosa iniciativa naceu nun momento un tanto crítico para o libro galego, mais tamén somos conscientes de que as cousas cambian, pois así é a súa natureza. Damos grazas ao Destino ou á Casualidade por ese erro humano que fixo que rompesemos o contrato co noso antigo distribuidor, porque se o pensas ben, quen vai facer máis por ti que ti mesmo? Viaxar cargado de libros cansa, custa e desgasta, mais a acollida que nos dan os libreiros (que non vendedores de libros) fai que todo o esforzo pague a pena.

Chuzame! chuzame -

Apoio a Rinoceronte Editora

Desde Urco Editora queremos amosar o noso apoio a Moisés Barcia e Rinoceronte Editora, ante a actitude amosada por María Reimóndez a propósito do libro de Rinoceronte O curioso incidente do can á media noite.

Independentemente das conviccións que poida ter un tradutor ou tradutora consideramos inadmisible que utilice o desempeño da súa profesión para alterar unha obra, cambiando arbitrariamente o sexo dos personaxes, e resúltanos incomprensible a teimosía e obstinación de Reimóndez toda vez que o autor xa se manifestou ao respecto, avalando a postura da editorial. O autor é o único responsable da súa obra, e o tradutor, por máis que sexa reescritor dela, debe someterse sempre ás súas indicacións. A actitude da tradutora é absurda e un desprestixio para a profesión.

Queremos pór de manifesto tamén que, despois de un longo trato con Moisés, como amigos e mesmo empregados nalgunhas ocasións, podemos dicir que a súa editora é das poucas que trata con toda a dignidade que se merecen aos seus colaboradores. O seu labor en prol da literatura traducida no noso sistema literario é encomiábel, e o apoio máis salientábel para acometer o proxecto de Urco Editora.

Ánimo Moisés, tes todo o noso apoio.

Chuzame! chuzame -