Despois dun retraso motivado por cuestións varias, entre elas a inminente apertura da nosa nova oficina, esperamos ter a seguinte novidade no prazo dun mes. Trátase da ben coñecida novela de Oscar Wilde O retrato de Dorian Gray, coa que estrearemos o novo formato de 230x153mm, para libros que superen certa extensión. De feito, se bulimos co proceso de edición (a tradución xa está feita), contamos con ter o libro no Festigal, onde compartiremos posto con Rinoceronte Editora.
Velaquí queda o cartel promocional que levaremos, xunto co libro, aos nosos puntos de venda.

chuzame -
Filed under: Merchandising, Novos libros por urcoeditora
No Comments »
Despois de dúas semanas de duro choio por fin podemos dicir: misión cumprida! Queda fechada a distribución das novidades en todos os nosos puntos de venda. Mais temos que expresar o noso máis sincero agradecemento a dous compañeiros indispensábeis: O primeiro deles, o Urcomóbil, que aínda que un tanto mentirán (en Vigo dicía que tiña combustíbel até que nos deixou tirados na rúa de Venezuela) é un marabilloso compañeiro de fatigas. O segundo dos nosos amigos fieis é o que hoxe vimos de bautizar como "espabiloso", unha PDA que nos serve como navigador GPS (cando non lle dá por mandarnos atravesar un edificio da Coruña ou cousas similares) e como sistema para levar ao día entregas, liquidacións, albaráns etc.
Até dentro dun mes Urco non volverá saír ás estradas galegas, mais continuaremos como sempre, ao pé do canón!

Velaquí unha imaxe do Urcomóbil, e semella limpo e todo! 
chuzame -
Filed under: Miscelánea, Mundo editorial, Novos libros por urcoeditora
No Comments »
O venres pasado foi día de tolos. Erguernos a primeirísima hora para ir distribuír Lugo. Resulta que no prelo se retrasara un pouco Planilandia e non daba chegado a Compostela, así que dixemos que mandasen os paquetes directamente á mensaxería de Lugo para facer a distribución aló aproveitando a feira do libro.
E ben, chegamos, distribuímos baixo a chuva, comemos e voltamos para Compostela a todo gas porque había máis compromisos. Un servidor tiña que ir correndo ao Centro Sociocultural de Fontiñas a participar nunha pequena exibición de esgrima antiga (si, o frikismo en Urco é de verdade, non de postureo). Despois da exibición tiña que vir Pablo para facer entre os dous unha pequena presentación da editora no propio centro sociocultural.
Vamos, que merecemos un premio. Volvendo a Planilandia, está distribuído en Lugo, como xa contei, e mais Ferrol, e ao longo desta semana contamos con que chegue ao resto de cidades (Compostela irá hoxe se deixa de chover).
Velaqui unha foto do libro. Non ten moi boa calidade, pero é que até que nos fagamos coa Urcocam é o que hai.

chuzame -
Filed under: Miscelánea, Novos libros por urcoeditora
10 Comments »
Velaquí o minilibro que sairá este mes xunto con Planilandia, trátase do relato de Washington Irving "A lenda da rosa da Alhambra", do seu libro Contos da Alhambra. Como sempre, miniprezo de 2,50 €, a partir da semana que ven (esperemos) nas mellores librarías.

chuzame -
Filed under: Novos libros por urcoeditora
No Comments »
Onte quedou definitivamente decidido o seguinte "especial" de Urco. Enténdase por especial algo como o noso primeiro título: O corvo, un libro que se sae da liña tanto en formato como en xénero. O seguinte sairá cara a finais de verán, supoñemos, e será o colmo do friquismo, unha tradución da Völuspá, o primeiro canto do Edda Maior, na que se relata o nacemento do mundo e mais o Ragnarok, a apocalipse. O Edda Maior, para que non o saiba, é unha recompilación de poesía épica escrita en antigo islandés de entre os séculos IX e XIII.
A nosa tradución da Völuspá correrá a cargo de Elías Portela, coñecido xa polo seu traballo de tradución do islandés para Rinoceronte Editora. Irá ilustrada asemade coas imaxes en cor dos folios orixinais do Codex Regius, a fonte máis antiga do texto, datado a finais do século XIII.
Sobre o texto hai pouco que dicir, é bastante escuro e complexo, está cheo de imaxes tétricas e brutais (como non podía ser doutro xeito nun texto apocalíptico nórdico medieval). Na Wikipedia hai un artigo bastante interesante con un par de ligazóns a traducións inglesas.
O motivo polo que nos metemos a editar unha cousa tan rara ten a súa lóxica. Decidimos comezar a editar "os comezos" da fantasía, o terror e a ficción científica. Aínda que esteamos a dar un salto de seis ou sete séculos con respecto ao que adoitamos publicar, a Völuspá e toda a poesía épica nórdica está nas orixes máis fondas da fantasía moderna, e pensamos en que é un texto digno de estar publicado na nosa lingua.
Friquis nós?
Si, e a moita honra
chuzame -
Filed under: Miscelánea, Novos libros por urcoeditora
1 Comment »
Clásico entre os clásicos, Planilandia de Edwin A. Abbott está no Olimpo das obras pioneiras da sci-fi moderna. Mais non conta unha historia sobre viaxes a outros planetas, invasións alieníxenas nin máquinas do tempo; trátase da historia dun Cadrado, si, un Cadrado que vive en Planilandia e que ten a fortuna (ou desgraza) de coñecer o mundo das tres dimensións (o noso mundo).
Aínda que en principio poida semellar un simple libro de divulgación matemática (iso é en parte, non hai que negalo), Abbott dá un paso máis alá, convertendo a historia deste peculiar Cadrado nunha crítica aos valores morais, sociais e relixiosos da Inglaterra victoriana na que el viviu.
Cando? Hoxe mesmo, se Crom o permite, irá ao prelo en forma de pdf, volverá en forma de caixas de libros no prazo que os nosos queridos impresores consideren oportuno e despois tardará entre unha e dúas semanas en estar nas librarías.
Ah, esquecíame dicir que o libro trae unhas cantas ilustracións explicativas do autor. Velaquí unha pequena mostra; esta está en inglés, aínda que no libro irán en galego, como non:

chuzame -
Filed under: Novos libros por urcoeditora
No Comments »
O prometido é débeda, e como non queremos quedar de mentireiros, velaquí está o primeiro "libro liberado" de Urco Editora: Sleepy Hollow e outros relatos, de Washington Irving.
Como xa comentamos en anteriores posts, agora mesmo non temos tempo a actualizar a nosa web, logo de momento o documento quedará colgado no blogue á espera de que fagamos unha sección de descargas decente na nosa páxina.
O libro vai en formato de texto plano e inclúe os cinco relatos da edición impresa mais a introdución. A licenza é a mesma que a da edición impresa: CC by-sa-nc.
En breve tamén iremos subindo os demais libros neste mesmo formato, e esperemos que tamén en breve nos poidamos pór co novo deseño da web para ter todo ben ordenado e no seu sitio.
Lembrámosvos a todos aqueles interesados nas nosas publicacións, que nos podedes atopar en case todas as librarías de Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra. E xa postos, se alguén quere prestar un grande apoio á nosa iniciativa, pode subscribirse ás nosas novidades, co que recibirá os libros na súa casa, cun 10% de desconto e sen gastos de envío adicionais. Velaquí a ligazón para subscribirse:
http://www.urcoeditora.com/subscricion.php
Máis nada, que gocedes dos libros libres de Urco Editora
Descarga aquí Sleepy Hollow e outros relatos
chuzame -
Filed under: Libros libres, Novos libros, Software Libre por urcoeditora
7 Comments »
Hoxe toca facer paquetes, preparar envíos, imprimir facturas e notas de entrega etc. Onte chegaron os novos libros a iso das 20:30 da tarde e claro, comeza o reparto!
Hoxe prepararemos os paquetes para subscritores, que levarán un marcapáxinas e un urcocolante de regalo, como se pode (ou non) observar na foto. Tamén faremos a distribución en Compostela, co que mañá xa estarán Howard e Chambers nos escaparates da capital.
Os novos libros son Relatos de terror sobrenatural, de Robert E. Howard, que inclúe catro relatos de inspiración lovecraftiana, e mais O signo amarelo, de Robert W. Chambers, este en formato mini. Agardamos que sexan do gusto de todos.
Tamén aproveitamos para lembrarvos a todos (sobretodo aos subscritores) que, aínda que en principio as tres liñas editoriais están xa fechadas para este ano, sempre estamos abertos a estudar as propostas que nos mandedes. Queremos que Urco Editora sexa algo máis que unha empresa editorial típica, queremos convertela nunha comunidade.
Saúde e até lernos!
chuzame -
Filed under: Novos libros por urcoeditora
6 Comments »
Neste momento estarán imprimíndose os seguintes títulos de Urco Editora, aló por Villa y Corte, xa que de momento no noso país non achamos ninguén que nos iguale o prezo dos nosos impresores.
Continuamos o formato mediano con Relatos de Terror Sobrenatural, de Robert E. Howard, unha escolma de catro contos do creador de Conan o Cimmerio dedicados aos horrores lovecraftianos. Inclúense os relatos "A pedra negra", "Os fillos da noite", "Os vermes da terra" e "O lume de Asshurbanipal". A tradución é de Pablo Amado, responsábel de planificación editorial de Urco Editora, que agora está metido até o pescozo na tradución de O retrato de Dorian Gray, de Oscar Wilde, que sairá no mes de Xuño.
No minilibro deste mes deixamos de lado momentaneamente a Conan para meternos con Robert W. Chambers e o seu relato "O signo amarelo", pertencente á colección The King in Yellow. Este mes Pablo traballou a cachón, xa que esta tradución tamén é del.
En cuestión de unha semana esperemos telos en Compostela para comezar a distribuílos entre os nosos subscritores e ás librarías
Temos que facer un especial agradecemento a todas as persoas que fan posíbel que saian os libros de Urco Editora, especialmente aos nosos estupendos correctores: Martín Luna, Cristina González e Rodrigo Vizcaíno. Grazas por todo rapaces!
chuzame -
Filed under: Novos libros por urcoeditora
1 Comment »
O vindeiro luns entrará en imprenta o próximo título de Urco Editora: Relatos de terror sobrenatural, de Robert Erwin Howard. Se ben Howard é bastante coñecido por ser o pai de Conan, o bárbaro cimmerio levado posteriormente á banda deseñada e tamén ao cinema, non son demasiados os que coñecen a extensión da súa obra de xénero de terror sobrenatural.
Como colega e discípulo de H.P. Lovecraft, Howard trata os temas dos horrores primixenios, a memoria racial, os cultos perdidos e os deuses primordiais. Destaca como narrador áxil e efectivo, e con intereses especiais na historia e na etnoloxía.
Coa nosa próxima publicación agardamos dar a coñecer a un autor clave na literatura pulp, que contribuíu dun xeito moi especial ao desenvolvemento dos xéneros da fantasía heroica, a ciencia ficción e o terror modernos.
chuzame -
Filed under: Miscelánea, Novos libros por urcoeditora
No Comments »