Urco Gótica

Esta colección está dedicada aos clásicos do xénero de terror gótico e sobrenatural, moitos deles ben coñecidos, como son Edgar Allan Poe, Washington Irving ou H.P. Lovecraft, mais outros moitos lamentabelmente esquecidos, tales como William Hope Hodgson ou Robert E. Howard.


Nas montañas da loucura

H.P. Lovecraft
TRADUTOR: Tomás González Ahola
Nº DE PÁXINAS: 220
FORMATO: 210 x 135 mm
ISBN: 978-84-938558-2-6
PREZO: 14 €

Nas montañas da loucura é, se callar, a obra máis madura de H.P. Lovecraft, unha novela que combina especialmente ben o elemento sobrenatural, de ficción científica, e unha constante tensión que vai en aumento páxina a páxina até chegar á catarse final. O tema da cidade perdida ou abandonada nun lugar recóndito da Terra xa non é novidoso na produción literaria do autor, e tampouco outros motivos recorrentes nos mitos de Cthulhu, mais a combinación de todos os elementos que compoñen esta novela fan dela un dos maiores fitos na historia da literatura de terror sobrenatural.

O horror de Dunwich e O que murmura na escuridade

H.P. Lovecraft
TRADUTOR: Tomás González Ahola
Nº DE PÁXINAS: 248
FORMATO: 210 x 135 mm
ISBN: 978-84-938558-1-9
PREZO: 14 €

Neste volume continúan as historias do universo mitolóxico chamado «Ciclo de Cthulhu», con dúas das obras máis maduras e mellor conseguidas de H.P. Lovecraft, O horror de Dunwich e O que murmura na escuridade, dúas novelas curtas do chamado «terror sobrenatural materialista», do que o autor de Providence foi o maior expoñente. Enfontarémosnos logo aos máis terríbeis medos que pode concibir a mente humana, a entidades que anhelan o noso mundo agardando pacientes e que, no fondo da nosa psique, sabemos que están aí á espera da súa oportunidade para subxugar a humanidade.

A chamada de Cthulhu e outros contos de terror cósmico

H.P. Lovecraft
TRADUTOR: Fran Morell, Tomás González Ahola e Rodrigo Vizcaíno
Nº DE PÁXINAS: 208
FORMATO: 210 x 135 mm
ISBN: 978-84-938558-0-2
PREZO: 14 €

Toda mitoloxía ten uns alicerces e toda épica ten uns inicios, e o chamado «Ciclo de Cthulhu», polifonía estridente e impía que desafía toda cordura, non podía ser menos. Neste volume preséntanse as primeiras obras de H.P. Lovecraft nas que se perfila este inmenso e complexo cosmos estarrecedor poboado das máis aberrantes entidades. Dos poboadores prehumanos e extraterrestres de «A maldición que caeu sobre Sarnath» ás areas de Arabia que sepultan a esquecida «Cidade sen nome», dos saqueadores de tumbas de «O sabuxo» aos escuros segredos de Nova Inglaterra que relata «O festival», dos adoradores de Nyarlatothep de «Os soños da casa da bruxa» a, como non, os sanguinarios cultistas de «A chamada de Cthulhu», estas páxinas revélannos o nacemento dunha das mitoloxías máis importantes do século XX.

A casa no confín


W. Hope Hodgson
TRADUTOR: Tomás González Ahola
Nº DE PÁXINAS: 224
FORMATO: 210 x 135 mm
ISBN: 978-84-937121-1-9
PREZO: 14 €

En 1877 dous amigos chamados Tonnison e Berreggnog atopan un manuscrito soterrado entre unhas ruínas nun remoto confín da Irlanda rural. As súas estragadas páxinas contan a estraña historia dun home que habitaba unha casa chea de misterios. O narrador conta como se foron sucedendo unha serie de acontecementos de carácter sobrenatural, abríndoselle unha xanela aos terrores incomprensíbeis que xacen alén das estrelas e alén dos veos do que nós consideramos a realidade.
A casa no confín, publicada en 1908, é unha das novelas máis importantes do xénero chamado de terror cósmico. Malia que pouco coñecida, eclipsada quizais polo máximo expoñente do xénero H. P. Lovecraft, constitúe unha peza maxistral que senta as bases formais e temáticas que adoptarán todos os autores posteriores, incluído o citado autor de Providence.

Nun vidro misterioso (2 vols.)



Sheridan Le Fanu
TRADUTOR: Tomás González Ahola
Nº DE PÁXINAS: 176(1) 168(2)
FORMATO: 230 x 153 mm
ISBN 1: 978-84-937142-8-4
ISBN 2: 978-84-937142-9-1
PREZO: 15,95 €

Nun vidro misterioso é unha colección de casos do
médico alemán Martin Hesselius, especialista en
medicina metafísica. As cinco novelas curtas que compoñen esta recompilación falan de casos ouvidos ou vividos por este curioso estudoso das ramas máis estrañas da ciencia. Os aparecidos, os vampiros, os diaños ou os enterramentos en vida son algúns dos temas que se tocan, sempre cunha narrativa áxil e ben construída na que o sobrenatural non aparece nunca no primeiro plano da narración, senón que contribúe a crear unha atmosfera especial.
No primeiro volume preséntanse dous dos casos de Hesselius: Té verde, que trata sobre as estrañas visións e experiencias dun crego inglés coñecido do doutor, e máis a novela máis longa O cuarto do dragón voador, unha grande obra de intriga e misterio ambientada no París da época da restauración.

No segundo volume preséntanse tres dos casos de Hesselius: O Familiar, O Xuíz Harbottle e Carmilla.


O Castelo de Otranto

Horace Warpole
TRADUTOR: Alejandro Tobar Salazar
Nº DE PÁXINAS: 187
FORMATO: 210 x 133 mm
ISBN: 978-84-938121-1-9
PREZO: 14 €

Esta novela, publicada en 1764, representa para a literatura gótica o seu punto de partida, a súa obra inaugural, ademais de que inclúe moitos dos lugares comúns que nos séculos posteriores diversos autores desenvolverán con tanta mestría. Ve a luz nun momento no que se percibía un certo desencanto cando a sociedade europea comezaba a decatarse de que o racionalismo proposto pola Ilustración non daba resposta a todas as dúbidas do home, polo que o misterio e o sobrenatural, ambientados na Idade Media, volven ter cabida na cosmovisión do Século das Luces.
O príncipe Manfred usurpa o castelo de Otranto tras a morte do seu lexítimo dono nas Cruzadas, mais unha maldición protexe os dereitos do lexítimo herdeiro e impedirá que o fillo de Manfred, Conrad, poida tomar posesión das terras que non lle pertencen.
Unha novela reveladora e entretida que manterá en suspense ao lector e mostrará ao seareiro do xénero as primeiras mostras desta longa tradición literaria.

O Corvo (segunda edición)

Edgar Allan Poe
TRADUTOR: Tomás González Ahola
Nº DE PÁXINAS: 50
FORMATO: 200 x 200 mm
ISBN: 978-84-939554-0-3
PREZO: 10 €

O Corvo, escrito en 1845, é sen dúbida a composición poética máis coñecida de Edgar Allan Poe. O poema narra en 18 estrofas a angustia do protagonista pola perda da súa amada Lenore, representada alegoricamente por un vello corvo que repite constantemente a palabra nevermore, ‘nunca máis’. As características formais do poema, cargado de aliteracións e rimas internas, únense á representación dun espazo romántico, decadente e intemporal para representar a angustia, o desespero e a loucura.O poema deu lugar a múltiples adaptacións en diferentes medios artísticos, entre as que se pode destacar a do capítulo «Treehouse of Horror I» da serie de animación estadounidense The Simpsons, ou a canción «The Raven» do grupo The Alan Parson’s Project, incluída no álbum dedicado a Poe Tales of Mystery and Imagination.
A presente edición reproduce as famosas ilustracións de Gustav Doré (1832-1883) para a edición de Harper & Brothers Publishers, de 1884.


A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos (segunda edición)

Washington Irving
Nº DE PÁXINAS: 160
FORMATO: 210 x 133 mm
ISBN: 978-84-939554-2-7
PREZO: 14 €


Esta escolma recolle algúns dos títulos máis coñecidos de Washington Irving, como o xenial Sleepy Hollow, levado ao cine por Tim Burton, Rip Van Winkle ou O espectro do noivo.
Todos os relatos reunidos neste libro teñen o denominador común de trataren sobre pantasmas, aparecidos e espectros, unha das temáticas máis socorridas polos autores románticos como Irving.


Relatos de Terror Sobrenatural (segunda edición)

Robert E. Howard
TRADUTOR: Pablo Amado Fuentes
Nº DE PÁXINAS: 184
FORMATO: 210 x 133 mm
ISBN: 978-84-939554-1-0
PREZO: 14 €


Nesta escolma recóllense catro dos máis importantes relatos de terror sobrenatural de Robert E. Howard: A pedra negra, Os vermes da terra, O lume de Asshurbanipal e Os fillos da noite.
Cunha fonda pegada lovecraftiana, Howard trata temáticas como os deuses primixenios, os cultos perdidos, a memoria racial, os medos que subxacen na psique do ser humano etc., todo cun maxistral estilo narrativo áxil e efectivo que non deixa indiferente a ningún lector.


O signo amarelo
um002.jpg

Robert W. Chambers
TRADUTOR: Pablo Amado Fuentes
Nº DE PÁXINAS: 50
FORMATO: 110 x 75 mm
ISBN: 978-84-935638-8-2
PREZO: 2,50 €


Un home de rostro repulsivo no adro dunha igrexa. Un artista que observa desde a fiestra do seu estudio. Unha carruaxe misteriosa. Unha muller de fermosura anxelical. Un estraño signo de significado ominoso.
Un dos máis aclamados relatos de Robert W. Chambers.


A lenda da rosa da Alhambra
um003.jpg

Washington Irving
Nº DE PÁXINAS: 50
FORMATO: 110 x 75 mm
ISBN: 978-84-936509-1-9
PREZO: 2,50 €


A Torre das Tres Infantas garda un misterioso segredo, un feitizo que só pode romper alguén de bo corazón para así liberar unha doncela.
Encadrado no libro de Irving Tales of the Alhambra, este relato é unha magnífica mostra da concepción do Al-Andalus como espazo exótico e misterioso dentro do romanticismo literario.


O retrato de Dorian Gray
cartaz_doriangray.jpg

Oscar Wilde
Nº DE PÁXINAS: 226
FORMATO: 230 x 153 mm
ISBN: 978-84-936509-3-3
PREZO: 15,95 €


O retrato de Dorian Gray, a única novela de Oscar Wilde, é un dos maiore clásicos da literatura vitoriana. A obra publicouse orixinalmente en 1890, nunha versión de trece capítulos, que Wilde ampliou a vinte para unha edición de 1891, que é a que se presenta aquí.

O leitmotiv da novela é a eterna xuventude, representada no hedonismo do seu protagonista, o fermoso Dorian Gray. O tema da estética e a función da arte é central en cada unha das páxinas, e pódese resumir co que o propio Oscar Wilde escribe no prefacio:
A un home podémoslle perdoar que faga algo útil sempre que non o admire. A única escusa para facer unha cousa inútil é admirala infinitamente. Toda arte é completamente inútil.


A gorida do Verme Branco
capa_stoker1.jpg

Bram Stoker
TRADUTOR: Tomás González Ahola
Nº DE PÁXINAS: 306
FORMATO: 210 x 133 mm
ISBN: 978-84-937142-3-9
PREZO: 13,95 €
En plena época vitoriana nun condado da campiña inglesa onde antano se erguía o reino de Mercia, corren rumores de que nas profundidades da terra aínda habita un monstro de eras pretéritas ao que chaman «O Verme Branco».
Esta é a última novela escrita polo afamado escritor de Dracula, unha historia de misterio e terror vitoriano que nos fai pensar en que no máis profundo aínda pode haber criaturas que son o mal encarnado.

One Response to “Urco Gótica”

  1. [...] interpretación do poema The Raven (o texto orixinal, aquí): EDGAR ALLAN POE EN GALEGO: O corvo (Urco Editora); As aventuras de Arthur Gordon Pym e O escaravello de ouro e outros contos [...]

Olark Livehelp